PostHeaderIcon Zorregada co cinto





(O lorcho)

Todas as persoas están sentadas en círculo, agás unha que dará voltas ao seu redor, levando un “cinto” (periódico dobrado) na súa man. Cando queira deixarao detrás dalguén e correrá para dar tres voltas completas e sentarse no sitio que quedou libre, procurando non levar golpes no cu co “cinto”. Unha vez que se empeza a correr nunha dirección non se pode variar.


PostHeaderIcon Tiro de corda






(Turra-Soga)

A finalidade deste xogo é a de turrar máis que o equipo contrario. Para xogar fanse dous equipos do mesmo número de xogadores/as. Trázanse 3 liñas no chan; unha central e as outras dúas á mesma distancia. Márcase cun pano o centro da corda. Sitúanse os equipos a ambos lados da corda deixando o pano aliñado coa raia central pintada no chan. Cando a xuíza ou o xuíz o indique, turrarán da corda ata que o pano pase a raia situada máis preto do seu equipo.


PostHeaderIcon Pés quietos








Poderán xogar a pés quietos todos os participantes que o desexen, sendo necesario unicamente empregar unha pelota.

Un dos xogadores, ó chou, é o que queda. Colócase no centro e lanza a pelota ó tempo que di o nome dun xogador. A persoa nomeada recóllea o máis axiña que pode e os demais escapan. Cando a colle berra: “pés quietos” e os demais fican parados no sitio.

O xogador que ten a pelota dá tres saltos cara a un dos xogadores e lánzalle a pelota. Se lle dá, xa ten unha falta; se non lle dá, a falta é para o lanzador. Elimínase un xogador en canto ten tres faltas.

O xogo continúa ata que queda unha única persoa.


PostHeaderIcon Pasa Perico







É un xogo no que dúas persoas se agarran polas mans e forman unha especie de ponte; por debaixo dela debe pasar o resto dos/das que xogan, que estarán en fila. Á vez que se pasa hai que cantar o recitado abaixo indicado. Cando o recitado remate, a persoa que estea debaixo dos brazos quedará atrapada; aqueles/as que facían de ponte daranlle a escoller entre dúas palabras que previamente xa se tiñan adxudicado. Quen quede atrapado/a escollerá unha desas palabras e colocarase detrás da persoa que a elixira.

O xogo continuará e ao final haberá dous equipos, un fronte ao outro; as dúas persoas que facían de ponte agarraranse polas mans e turrarán cara ao seu lado, para facer que as do outro equipo tranpasen unha raia.


“Pasa Perico,
pasa Monteiro,
polas portas
dos carabineiros,
o de diante
corre moito
e o de atrás
aí quedará”.


PostHeaderIcon Palabras en serie








A través das palabras en serie poderemos adquirir vocabulario e descubrir a linguaxe asociativa. Neste xogo poden participar tódalas persoas que queiran.

Para comezar, un dos xogadores dice calquera palabra que se lle ocorra, o seguinte deberá dicir outra palabra que estea relacionada coa primeira e así sucesivamente (por exemplo, “mar”, “peixe”, “barco”, etc.). Cando unha asociación entre dúas palabras non resulta convincente para o grupo, a persoa que a pronuncia ten que explicar a razón pola que a uniu á anterior; se os convence, continúa o xogo, se non, cámbiase a unha nova serie de palabras.


PostHeaderIcon Os zancos







Tamén coñecido cos nomes de “andas” ou “trécolas”, son dous paus feitos en madeira non moi branda e que teñen uns topes onde se pousan os pés. A altura dos zancos debe sobrepasar os ombros das persoas que xogan, unha vez subidas enriba deles.

É un xogo que axuda a ir adquirindo o sentido do equilibrio. Na súa orixe empregábanse para pasar os regatos ou as zonas enchoupadas. Normalmente xógase en terreos amplos, nos que haberá que atravesar un percorrido previamente indicado.

Os zancos móvense coas mans, acompañando a acción dos brazos e a das pernas, sen perder o equilibrio. Pódense realizar carreiras individuais, en relevos, desprazándose cara atrás ou atravesando unha serie de obstáculos que se colocan no percorrido.


PostHeaderIcon Os tres pés







As persoas que xogan agrúpanse en parellas; colócanse unha a carón da outra e atan as pernas máis próximas.

Deberán correr para atravesar unha distancia; cando cheguen á meta, soltaranse, intercambiarán as súas posicións na parella, ataranse de novo e volverán ao punto de partida.

Variantes: realizar a mesma actividade en tríos ou cuartetos.


XOTRAMU

Benvido ao blog de Xogos tradicionais Muimenta.

Aquí poderás atopar información de todas as actividades que dende XOTRAMU estamos a desenvolver para recuperar os xogos tradicionais dos nosos pais, nais, avós, etc. e que tantos momentos de ledicia nos fixeron pasar cando éramos nenos.

Séguenos tamen aquí

Subscríbete ao noso blog

Recibe as novas de Xotramu por correo eléctronico:

Visitas do blog