PostHeaderIcon A billarda







Coñecido tamén como Estornela, para xogar precísanse dous paus redondos, de 2 cm. de grosor: o palán (de 30 a 40 cm. de longo) e unha billarda ou billa (de 15 cm., aguzado nos extremos). O espazo no que se desenvolve normalmente debe ser un terreo extenso, chan, sen obstáculos.

As principias normas para o desenvolvemento deste xogo son:

- Pódese xogar individualmente ou por equipos. O obxectivo é acadar un número de puntos previamente pactado. Para conseguilo lanzarase a billarda o máis lonxe posible. Márcase o lugar de saída con dúas pedras –as cepas- separadas entre elas algo menos cá lonxitude do palán.

- Lánzase a billa cara ás cepas, dende 6 m. A persoa que deixe a billarda máis cerca das cepas empezará o xogo.

- Quen ataca ponse onde as cepas, co palán nunha man e a billa na outra; lanzará esta ao aire e golpearaa antes de que caia.

- Nese momento berrará “Palán de billarda” e pousará o palán enriba das cepas. As persoas contra as que xoga tentará chapar (pillar) a billa o antes posible, mesmo no aire. Desde o lugar en que a pillen, lanzarana para aproximala ás cepas.

- Quen ataca terá tres oportunidades para afastar a billarda, baténdolle co palán nun estremo e rematándoa no aire.

- Despois da segunda tentativa, a billa sempre será golpeada desde o chan.

- Esgotados os tres intentos pediranse puntos. Un punto é a medida do palán. O/a atacante calculará os paláns de distancia que hai entre a billarda e as cepas e pedirá eses tantos.

- A persoa contra a que xoga pode dicir “douchas” (se está de acordo, neste caso os puntos son para quen lanzou) ou “mídeas” (se non o está).Pode ocorrer entón que pedira de menos (levará o/a atacante a diferencia de puntos), que pedira exacto (levará o dobre de puntos) ou que pedira de máis (quedará fóra de xogo).

- Sempre lanzará a mesma persoa ata perder a vez. Pérdese a quenda:
  1. Se o/a contrario/a pilla a billarda no aire.
  2. Se ao devolver a billa, esta bate no palán , nas cepas, pasa por debaixo do palán ou queda a menos dun metro de distancia das cepas.
  3. Se quen ataca falla tres veces sen lle dar ao palán.
  4. Se a billarda, logo dos tres avances, queda a menos dun palán das cepas.

PostHeaderIcon A chave de Ferrolterra







Na zona de Ferrol a Chave ten unha soa pa (ou aspa), con forma de dobre lingüeta vertical, que vira sobre dun eixo horizontal apoiado nunha forquita. A Chave mide 52 cm de alto (23 cm de forquita e 29 do espeto que vai ao chan). A forquita tén un vao (de 20 cm) entre gallas (de 4 por 2 cm de ancho) no que vira a pa (de 36 cm de longo por 8 cm de ancho).

Xógase con cinco pellos de 8 cm de diámetro por 2 cm de espesor, cun peso de 750 gr.

A liña de lanzamento está situada a 10,5 m da Chave, en paralelo a esta.

As normas polas que se rexe este deporte tradicional na comarca de Ferrolterra son:

- Xógase en equipos de tres xogadores/as.

- Cada persoa pode ter os seus pellos, que deberán ser iguais.

- Mentres unha persoa lanza, outra do seu equipo estará situada a carón da Chave, para colocar esta na posición que máis lle conveña ao seu compañeiro/a; tamén para recoller os pellos cando lle toque lanzar.

- Cada xogo consta de dúas partidas e cada partida vai a seis mans, lanzando cada xogador/a cinco pellos en cada man.

- Establécese unha orde para os lanzamentos.

- Os equipos lanzarán alternativamente cinco pellos unha persoa dun equipo e despois outros cinco outra persoa do outro equipo. Non se pode mudar a orde de lanzamento. Non se pode pisar a liña de lanzamento. Para que unha chave sexa válida, a pa terá que dar unha volta completa.

- Se o pello rebota no chan, non será válida a chave; pero será válida se o pello bate en calquera parte do armazón e despois fai virar a aspa.

- Cada chave lograda vale un punto. Se houbese empate, seguirían lanzando mans iguais ata desempatar.

PostHeaderIcon A cadea







A persoa que panda persegue aos demais; cando pille a alguén, pandarán as dúas collidas por unha man e pouco a pouco irán formando unha cadea cada vez máis grande.

Se se soltan das mans no medio da persecución deberán correr ata un lugar seguro (refuxio), pois quen está libre tentará darlles golpiños nas súas cabezas. Estes “refuxios” non poden ser pisados polas persoas libres en ningún momento do xogo.

Se “a cadea” rompe tres veces remata o xogo.

XOTRAMU

Benvido ao blog de Xogos tradicionais Muimenta.

Aquí poderás atopar información de todas as actividades que dende XOTRAMU estamos a desenvolver para recuperar os xogos tradicionais dos nosos pais, nais, avós, etc. e que tantos momentos de ledicia nos fixeron pasar cando éramos nenos.

Séguenos tamen aquí

Subscríbete ao noso blog

Recibe as novas de Xotramu por correo eléctronico:

Visitas do blog